mércores, 15 de maio de 2013

Presentación

Benvidos e benvidas a este novo blog. Por que estou a escribir estas verbas, vos preguntaredes? Aínda que podería remontarme a cando os sumerios gravaron en taboíñas de cerámica os primeros carácteres, intentarei resumir o mais posible.

En primeiro lugar, un motivo fundamental polo que estou a escribir é que dende pequeno teño unha inquedanza por expresar en formato escrito os meus pensamentos. Podo asegurarvos que son moitos, aínda que non sempre moi acertados. Moitas veces son bastante parvos e de cando en vez teño algunha boa idea. Con todo, este blog pretende ser un cadro no que plasmar as boas ideas de cando en cando agroman na miña testa.

En segundo lugar, e imos entrando en materia, eu tiven un proxecto vital. Fun un deses fillos de manual que triunfarán se estudan unha carreira, idiomas e un máster. Fixen todo iso e non serviu para nada. Por esa razón decidín emigrar a Alemania, por segunda vez (a primeira fun a "facer prácticas profesionais e mellorar o meu dominio da lingua alemá"). Por desgraza, as cousas tampouco foron moi ben. Co rabo entre as pernas, volvín a Galiza coa esperanza de atopar algún traballo. Atopar, atopei, pero nada que me permitira crecer (máis ben o contrario, vinme cada vez máis arrincoado e explotado en traballos cada vez máis precarios). A catarse que iso provocou en min levoume a buscar unha sorte de cura para o peor mal da nosa xeración: a falta de propósito. Decidín emigrar de novo, pero desta volta sen intencións de regresar. E tamén decidín escribir. Non sei se lograrei dedicarme a literatura, pero merece a pena intentalo, alomenos para encher esa inquedanza da que falara e que no momento no que non teño en que ocupar a miña mente, cobra vida propia.

A semente xa estaba prantada, pero o abono que precisaba para esta idea que está a agromar na miña mente viu de man do Obradoiro de Escrita Creativa organizado polo Concello de Vigo e impartido xenialmente polo escritor e editor Francisco Castro.

Iso lévame a este intre, no que estou a presentar este blog. Que podedes atopar nel, rapaces e rapazas? Aínda non o teño moi claro, pero sí que podo falar que o tema principal será a emigración, tanto dos emigrados analóxicos que foron os nosos devanceiros coma de nós, os emigrados dixitais. Os emigrados 2.0, por así dicilo. Tamén poderedes atopar algún que outro relato curto, reseñas dalgunha película, documental, libro ou obra gráfica que pase polas miñas mans. E por suposto, algunha vivenza persoal das miñas aventuras polo mundo. Espero que desfrutedes da viaxe. Unha aperta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Expresa a túa opinión