luns, 20 de maio de 2013

Os cerebros non se fugan, bótanos a puntapés


De uns días para aquí está a circular na rede (e no falar da xuventude) a última afrenta do Goberno da nación ós xoves emigrados 2.0 e tamén ós emigrables que todavía camiñamos por estes lares. A noticia viña a contar a historia de Diego Martínez Santos, un xove físico de Galicia que polo seu traballo no Gran Colisionador de Hadróns en Xenebra recibía a distinción coma mellor físico xove de Europa o mesmo día que o Ministerio de (Mala) Educación e Ciencia (?) a través da Secretaría de Estado de Investigación, denegáballe unha beca ó abeiro do programa "Ramón y Cajal". A mesma data, outro caso similar saíu á palestra a través da prensa. Neste caso falábase dunha investigadora punteira en células nai que chegou ó equipo do que actualmente forma parte en EEUU despois de ser despedida en 2011 mediante un ERE no seu centro de investigación. A Universidade de Oregón tardou apenas unhas horas en acepta-la súa solicitude de ingreso despois de confirmarse o seu despido. 

A conclusión de estas dúas noticias, que por desgraza son apenas dúas historias de milleiros por todo o país,  é que en España non hai esa pretendida fuga de cerebros. Os cerebros están a ser botados a puntapés do país. Aqueles que queren volver, non lles dan posibilidade de facelo. E os talentos que temos, mandámolos á rúa mentres outros países peléxanse para quedarse con eles. 

Isto plantexa unha encrucillada para os emigrables coma eu: ¿paga a pena esperar por unha oportunidade que nunca chega, ou é moito mellor saír fóra para atrapar unha dun cento de oportunidades que están a esperar? Sí, é certo, necesitamos neste país a eses talentos para saír da recesión, pero moito me temo que para cando os dirixentes do país dense conta diso, xa non haberá aquí outros talentos ca os circenses que saen nos reality shows da pequena pantalla. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Expresa a túa opinión