xoves, 16 de maio de 2013

A voltas cos billetes (de volta)


O segundo que un futuro emigrado ten que facer é pensar cómo chegar ó seu destino. Digo o segundo, porque coma avogado é obrigado dicir que o primeiro é ter ben atado o asunto das visas e burocracia de inmigración. Non vou falar diso neste blog, aínda que se tiverades algunha dúbida ó respecto estou máis que disposto que atendelas. Podedes contactar comigo para estas dúbidas a través do meu perfil en Abogalista ou en LinkedIn

Dicía, antes do corte publicitario, que un emigrado que queira ser digno de ese nome precisará chegar o seu destino. A diferenza dos nosos devanceiros, que facían longas viaxes en barco ou en tren, hoxe a forma máis rápida, segura e económica de viaxar é o avión. Así que alí fomos a miña esposa e mais eu en procura de prezos dos billetes de avión para a nosa viaxe.

Xa na primeira axencia de viaxes, a empregada que nos atende míranos coma se foramos diaños cando lle dicimos que queremos billetes "só de ida". "Iso non é posible", espétanos. Non para mín, alomenos. Miña esposa, xa que retorna ó seu país de orixe non ten problema pero este que escribe precisa un billete de volta. Supoño que a miña face deveu mostrar unha expresión parecida á de Góngora tras ler unha dedicatoria persoal en forma de poema de parte do seu colega o mestre Quevedo. Ó contrario que o poeta, rápido en temperamento, eu pasei varios segundos de parálise cerebral ata por fin vocalizar "¿E iso por qué?". "Normas da compañía", da por resposta. A señora danos os prezos que solicitamos, mentimos dicindo que o pensaremos, e marchamos. 

A escena repítese varias veces máis. Así que finalmente decidimos chamar ó consulado do noso país de destino, explicándolle a situación. O que nos contestan é que efectivamente preciso un billete de volta, xa que no caso de que o meu permiso de residencia fora denegado (por moito que no meu caso a aprobación sexa automática), debo soportar eu os custos de deportación. Tampouco existe a posibilidade de tramita-lo permiso de residencia en España. Total, que resignado, non terei outra que mercar un billete de volta que non teño intención de usar. Nin que dicir queda que paréceme unha estafa en toda regra, por moi legal que sexa. En fin, "cousas veredes, Sancho", que diría certo emigrante sonado da xeografía castelá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Expresa a túa opinión