martes, 11 de xuño de 2013

Guía de burocracia para emigrantes (castellano)

En la entrada anterior expuse una guía rápida para emigrantes de los trámites necesarios para poder mudarse al extranjero de forma legal. Aunque este blog pretende ser en gallego, comprendo la necesidad de la existencia de una versión en castellano, que he decidido colgar en el portal abogalista.com, y que podéis encontrar en este enlace.

luns, 10 de xuño de 2013

Guía de burocracia para emigrantes


Non creades, rapaces e rapazas, que estiven de lacazán nas últimas semanas. O que estiven facendo é algo que hoxe en día é imprescindible para calqueira emigrable que se precie: trámites burocráticos. Oxalá puideramos estar nos tempos das novelas de piratas, onde un botábase ó mar e navegaba cara o horizonte en procura de fama e fortuna con nada mais que un parche e unha pata de pau. A día de hoxe, cruzar unha fronteira para comezar unha nova vida require un monte de papeis. Xa que non existe (polo que puiden investigar) ningunha guía sobre cáles son os trámites a realizar, nin sequera nas páxinas oficiais, vou intentar suplir esa carencia. Esta entrada pretende ser un resumo rápido dos trámites necesarios a facer en Galicia. Se tedes algunha dúbida, podedes preguntar nos comentarios, ou ben contactar conmigo por Twitter, Google+, LinkedIn, ou abogalista.com

O primeiro que un precisa é legaliza-la súa situación no país de destino. Dentro da UE podémonos mover simplemente co noso documento de identidade ou co pasaporte (excepto en Reino Unido, onde é necesario alomenos o pasaporte), pero fóra vamos a necesitar certos documentos e trámites:
  • Partida de nacemento
    • Onde obtelo?: Rexistro Civil do lugar de nacemento.
    • Custo?: Gratuito, entrementres non se privaticen os Rexistros Civiles. A partir de entón dependerá do Notario.
  • Partida de matrimonio (no seu caso).
    • Onde obtelo?: Rexistro civil do lugar de matrimonio.
    • Custo?: Igual que a partida de nacemento, polo de agora é gratuito.
  • Certificado de antecedentes penais.
    • Onde obtelo?: Por correo ou presencialmente ante a Xerencia Territorial do Ministerio de Xustiza, na Coruña. Rúa Emilia Pardo Bazán 1, 1º A. 
    • Custo: 3,62 €, a abonar mediante presentación do impreso 790 (en castelán, podedes atopalo formulario en galego na propia oficina da Xerencia Territorial) debidamente abonado nunha das entidades financeiras colaboradoras (case todas, agás CitiBank).
    • Importante: No devandito impreso debe consignarse o lugar de destino e a autoridade perante o que vai presentarse. Aconséllase informarse antes sobre este trámite. Tamén deberedes ter en conta que o certificado ten unha validez de tres meses, polo que debe facerse pouco tempo antes de marchar ou podemos atoparnos con que perde a validez antes de presentalo.
  •  Apostilla da Haxa.
    • Este trámite realízase para a legalización dos documentos administrativos nos países signatarios do Convenio da Haxa.
    • Onde facela?: Pode facerse electrónicamente, de forma presencial ou ben por correo. Xa que o certificado de antecedentes penais debe facerse de forma presencial, os dous métodos non presenciais deixan de ser un tanto operativos. Para facelo de forma presencial temos que ir ó Tribunal Superior de Xustiza de Galiza na Praza de Galicia en A Coruña. Coma saberedes, iso está a dúas rúas de distancia da Xerencia de Xustiza, así que se levades con vos as partidas, despois de obter o certificado de penais, achegádevos ó Tribunal e xa apostillades tódolos documentos.
    • Custo?: Gratuito.
No caso de viaxar a países onde non é válida a Apostilla, deberemos legaliza-los documentos ante a embaixada do país de destino en España.

Xa temos os documentos mínimos necesarios para tramita-la residencia na maior parte do mundo. Normalmente exísense outros requisitos adicionais, polo que é necesario informarse ben. ¿Qué nos poden pedir? Estes son algúns exemplos do mais común, pero coma digo, hai que consultar ás autoridades de cada país:
  • Visado de estancia. Na maior parte dos países do mundo é necesario un visado para entrar no país. Os españois estamos exentos de visado nos países do EEE (UE+Suiza, Noruega, Islandia e Lichtenstein) e mais nos países latinoamericanos (IMPORTANTE: agás o Brasil).
  • Oferta de traballo. Isto é obrigado en case tódolos países do mundo, agás Panamá e algúns países nórdicos en determinadas situacións (que eu saiba).
  • Medios económicos suficientes. Tamén unha constante na maior parte de países. Isto supón aportar certificados bancarios nos que se amose diñeiro suficiente para vivir durante un ano según os estándares do país. Bastantes países admiten cartas por parte dun familiar residente no país que se comprometa a facerse cargo dos nosos gastos. Calquer outra fonte de ingresos axudará a demostrar esta suficiencia.
  • Seguro médico. Isto é necesario incluso na UE. Neste caso é suficiente con aporta-la Tarxeta Sanitaria Europea. 
  • Certificado ou examen médico, asgurando que non será unha carga para o sistema sanitario do país. Isto ocorre en países coma Australia, Alemaña, Noruega ou Canadá, pero é cada vez mais frecuente. Por suposto, este certificado debe aportarse cunha traducción xurada adxunta, se non está no idioma do país. 
  • Declaración xurada de non viaxar ó país coa intención de realizar actos terroristas ou criminais. Isto é unha exixencia na Federación Rusa, EEUU, e países do entorno de ambos (Canadá, Ucraíña, etc). 
  • Invitación para entrar no país. Outra exixencia relativamente común. É un requisito na Federación Rusa e algúns outros países. Existen axencias que tramitan estas invitacións por un diñeiro. Tamén as tramitan os hoteis, en caso de estancia nun. Se vamos a residir en casa dun amigo ou un familiar, a invitación debe cursala esa persoa no idioma do país de destino. 
Unha vez temos tramitada a nosa visa ou ben cumplidas as condicións necesarias para obter o permiso de traballo e residencia (normalmente temporal), é necesario convalida-los nosos estudios con fin de poder traballar na nosa profesión. Para iso son necesarios os seguintes trámites:
  • Obtención de certificados de estudos.
    • Onde?: nas institucións onde cursamo-los estudos.
    • Custo?: normalmente é gratuíto, pero as universidades cobran uns 20 € pola emisión de expedientes académicos.
  • Legalización de firmas.
    • Onde?: no caso de estudos secundarios, na Delegación Provincial da Consellería de Educación. No caso de estudos universitarios, na Secretaría Xeral da Universidade en cuestión.
    • Custo?: gratuíto. 
  • Apostilla da Haxa.
    • Onde?: Na Oficina Central de Atención ó Cidadán do Ministerio de Xustiza en Madrid, rúa Bolsa, 8. Pode facerse presencialmente, de forma electrónica ou por correo postal (demora de tres a cinco días).
    • Custo?: gratuíto, salvo no caso de facelo por correo postal, que ten o custo do envío por correo certificado (aínda que vos aconsello facelo de esta forma, xa que aforrade-lo viaxe a Madrid).
Se viaxamos a un país do EEE, precisaremos de Tarxeta Sanitaria Europea. Obténse mediante solicitude presencial, de forma gratuita, en calqueira oficina da Tesouraría da Seguridade Social. Hai que ter en conta que a concesión non é automática. As persoas calificadas coma "sen recursos" non teñen dereito á súa expedición. Nese caso, ou en caso de viaxar a un país fóra do EEE, convén contar cun seguro médico de viaxe.

Finalmente, debemos considerar cómo levar as nosas cousas. Hai diversas opcións, en función do que levemos.
  • Container ou grupaxe. Recomendable só se levamos, coma quen dice, a casa con nós ou ben levamos un vehículo. Canto máis levemos, menor será o custe relativo por quilogramo.
  • Envío por paquetería internacional. Moito mais asequible se queremos levar apenas unhas poucas caixas. Ten a desventaxa de que precisamos coñecer onde vamos a residir con antelación, pero se este é o caso, quizais é unha das mellores opcións en canto a prezo. Eu personalmente tiven unha mala experiencia con Deutsche Post, porque os empregados non entenderon a dirección do paquete que enviaba de España a Alemaña, co resultado de que o devolveron á dirección de orixe. Así que se escolledes esta opción, asegurádevos de contratar un seguro, aínda que no meu caso non serviu de moito. 
  • Maletas. A mellor das opcións se non tedes seguridade de quedarvos moito tempo é levar todo o que precisedes en varias maletas. O custo por enviar unha maleta extra depende da compañía e do traxecto se ides en avión, pero no meu caso, para un voo trasatlántico foi de 50 €, menos da metade do custo de enviala mesma carga por paquetería, incluíndo o custo de mercar unha maleta nova.
Espero que esta guía resultaravos de axuda. Como xa dixen, non dubidedes en facer as preguntas que teñades. Emigrar sen facer antes os deberes burocráticos pode supor unha labazada e volta para Galicia co rabo entre as pernas.

luns, 20 de maio de 2013

Os cerebros non se fugan, bótanos a puntapés


De uns días para aquí está a circular na rede (e no falar da xuventude) a última afrenta do Goberno da nación ós xoves emigrados 2.0 e tamén ós emigrables que todavía camiñamos por estes lares. A noticia viña a contar a historia de Diego Martínez Santos, un xove físico de Galicia que polo seu traballo no Gran Colisionador de Hadróns en Xenebra recibía a distinción coma mellor físico xove de Europa o mesmo día que o Ministerio de (Mala) Educación e Ciencia (?) a través da Secretaría de Estado de Investigación, denegáballe unha beca ó abeiro do programa "Ramón y Cajal". A mesma data, outro caso similar saíu á palestra a través da prensa. Neste caso falábase dunha investigadora punteira en células nai que chegou ó equipo do que actualmente forma parte en EEUU despois de ser despedida en 2011 mediante un ERE no seu centro de investigación. A Universidade de Oregón tardou apenas unhas horas en acepta-la súa solicitude de ingreso despois de confirmarse o seu despido. 

A conclusión de estas dúas noticias, que por desgraza son apenas dúas historias de milleiros por todo o país,  é que en España non hai esa pretendida fuga de cerebros. Os cerebros están a ser botados a puntapés do país. Aqueles que queren volver, non lles dan posibilidade de facelo. E os talentos que temos, mandámolos á rúa mentres outros países peléxanse para quedarse con eles. 

Isto plantexa unha encrucillada para os emigrables coma eu: ¿paga a pena esperar por unha oportunidade que nunca chega, ou é moito mellor saír fóra para atrapar unha dun cento de oportunidades que están a esperar? Sí, é certo, necesitamos neste país a eses talentos para saír da recesión, pero moito me temo que para cando os dirixentes do país dense conta diso, xa non haberá aquí outros talentos ca os circenses que saen nos reality shows da pequena pantalla. 

venres, 17 de maio de 2013

150 anos de Cantares Gallegos


Hoxe é o aniversario da emigrada máis internacional da literatura galega. Cúmprense 150 anos da publicación do seu libro "Cantares Gallegos". Nin qué decir que esta é unha data importante para os escritores galegos e para tódolos emigrados e emigrables galegos. Na súa vida atopamos un exemplo de fortaleza e orgullo ante a pobreza económica. Algo que a día de hoxe, a todos fainos boa falla.

Non hai moito máis que dicir. Convídovos a segui-los diferentes actos de celebración que se farán hoxe ou simplemente a pasar un ratiño desta chuviosa xornada collendo este ou calquera dos libros de Rosalía e lendo un pouquiño. Déixovos coa poetisa, interpretada a súa obra mestra por Amancio Prada.


xoves, 16 de maio de 2013

A voltas cos billetes (de volta)


O segundo que un futuro emigrado ten que facer é pensar cómo chegar ó seu destino. Digo o segundo, porque coma avogado é obrigado dicir que o primeiro é ter ben atado o asunto das visas e burocracia de inmigración. Non vou falar diso neste blog, aínda que se tiverades algunha dúbida ó respecto estou máis que disposto que atendelas. Podedes contactar comigo para estas dúbidas a través do meu perfil en Abogalista ou en LinkedIn

Dicía, antes do corte publicitario, que un emigrado que queira ser digno de ese nome precisará chegar o seu destino. A diferenza dos nosos devanceiros, que facían longas viaxes en barco ou en tren, hoxe a forma máis rápida, segura e económica de viaxar é o avión. Así que alí fomos a miña esposa e mais eu en procura de prezos dos billetes de avión para a nosa viaxe.

Xa na primeira axencia de viaxes, a empregada que nos atende míranos coma se foramos diaños cando lle dicimos que queremos billetes "só de ida". "Iso non é posible", espétanos. Non para mín, alomenos. Miña esposa, xa que retorna ó seu país de orixe non ten problema pero este que escribe precisa un billete de volta. Supoño que a miña face deveu mostrar unha expresión parecida á de Góngora tras ler unha dedicatoria persoal en forma de poema de parte do seu colega o mestre Quevedo. Ó contrario que o poeta, rápido en temperamento, eu pasei varios segundos de parálise cerebral ata por fin vocalizar "¿E iso por qué?". "Normas da compañía", da por resposta. A señora danos os prezos que solicitamos, mentimos dicindo que o pensaremos, e marchamos. 

A escena repítese varias veces máis. Así que finalmente decidimos chamar ó consulado do noso país de destino, explicándolle a situación. O que nos contestan é que efectivamente preciso un billete de volta, xa que no caso de que o meu permiso de residencia fora denegado (por moito que no meu caso a aprobación sexa automática), debo soportar eu os custos de deportación. Tampouco existe a posibilidade de tramita-lo permiso de residencia en España. Total, que resignado, non terei outra que mercar un billete de volta que non teño intención de usar. Nin que dicir queda que paréceme unha estafa en toda regra, por moi legal que sexa. En fin, "cousas veredes, Sancho", que diría certo emigrante sonado da xeografía castelá.

mércores, 15 de maio de 2013

Presentación

Benvidos e benvidas a este novo blog. Por que estou a escribir estas verbas, vos preguntaredes? Aínda que podería remontarme a cando os sumerios gravaron en taboíñas de cerámica os primeros carácteres, intentarei resumir o mais posible.

En primeiro lugar, un motivo fundamental polo que estou a escribir é que dende pequeno teño unha inquedanza por expresar en formato escrito os meus pensamentos. Podo asegurarvos que son moitos, aínda que non sempre moi acertados. Moitas veces son bastante parvos e de cando en vez teño algunha boa idea. Con todo, este blog pretende ser un cadro no que plasmar as boas ideas de cando en cando agroman na miña testa.

En segundo lugar, e imos entrando en materia, eu tiven un proxecto vital. Fun un deses fillos de manual que triunfarán se estudan unha carreira, idiomas e un máster. Fixen todo iso e non serviu para nada. Por esa razón decidín emigrar a Alemania, por segunda vez (a primeira fun a "facer prácticas profesionais e mellorar o meu dominio da lingua alemá"). Por desgraza, as cousas tampouco foron moi ben. Co rabo entre as pernas, volvín a Galiza coa esperanza de atopar algún traballo. Atopar, atopei, pero nada que me permitira crecer (máis ben o contrario, vinme cada vez máis arrincoado e explotado en traballos cada vez máis precarios). A catarse que iso provocou en min levoume a buscar unha sorte de cura para o peor mal da nosa xeración: a falta de propósito. Decidín emigrar de novo, pero desta volta sen intencións de regresar. E tamén decidín escribir. Non sei se lograrei dedicarme a literatura, pero merece a pena intentalo, alomenos para encher esa inquedanza da que falara e que no momento no que non teño en que ocupar a miña mente, cobra vida propia.

A semente xa estaba prantada, pero o abono que precisaba para esta idea que está a agromar na miña mente viu de man do Obradoiro de Escrita Creativa organizado polo Concello de Vigo e impartido xenialmente polo escritor e editor Francisco Castro.

Iso lévame a este intre, no que estou a presentar este blog. Que podedes atopar nel, rapaces e rapazas? Aínda non o teño moi claro, pero sí que podo falar que o tema principal será a emigración, tanto dos emigrados analóxicos que foron os nosos devanceiros coma de nós, os emigrados dixitais. Os emigrados 2.0, por así dicilo. Tamén poderedes atopar algún que outro relato curto, reseñas dalgunha película, documental, libro ou obra gráfica que pase polas miñas mans. E por suposto, algunha vivenza persoal das miñas aventuras polo mundo. Espero que desfrutedes da viaxe. Unha aperta.